domingo, 28 de febreiro de 2016

Heroínas

Francisco Rodríguez:




Heroína ou supermuller na miña vida

Ela, só ela, merece levar ás costas este calificativo de supermuller, aínda que case me atrevería a dicir que se lle pode quedar curto.
En primeiro lugar teño que agradecer que unha supermuller dese calibre trazase o meu camiño. Grazas a ela aprendín a nunca, nunca  renderme ante calquera adversidade, porque con ganas e poñéndolle boa cara á vida todo se pasa mellor, e xusto cando estás fronte a un problema é cando máis necesitas ese carácter que che faga levantarte cada día con ganas de vivir e de facer –ou polo menos intentar- mellor a vida dos que te rodean porque aí está a maxia dos seres queridos, amenizar da forma máis pracenteira posible a vida dos que tes ao lado.
Estou a falar dunha supermuller que non posúe poderes especiais como as heroínas das películas: non pode voar, non ten superforza, non pode ler a mente (aínda que ás veces o pareza), e vive de igual forma que o resto dos mortais que habitamos este planeta, pero ela é a miña súperheroína por demostrar unha e outra vez que ten unha forza interior non comparable con nada deste mundo.
Ela non tivo unha vida doada; foi criada á maneira tradicional no seo dunha familia humilde, pero grazas aos poucos cartos que gañaban os seus pais, puido acceder á escola e formarse ata chegar a conseguir unha carreira universitaria, o que constitúe un gran exemplo de vontade e interese.
Pouco despois, faleceu a súa nai, pero esa fabulosa forza interior que como heroína gasta, fixo que non se derrubase e que seguise a súa vida, coidando daquela dun neno recén nacido, que lle devolveu a luz e a ollada do futuro.
Podería proseguir a súa descrición con características físicas pero penso que sería unha forma de faltarlle ó respecto, xa que non se merece que a describa dunha forma tan prosaica.
A súa seguridade en si mesma fíxoa case invencible, e esta é unha virtude que sempre admirei e que quedará retida e atesourada na miña memoria por sempre, esa capacidade de tirarlle o lado bo ás  cousas –mesmo na adversidade-, aínda que ás veces pareza imposible. Estas e outras virtudes, quizais cualidades correntes do ser humano, manifestáronse conxuntamente nun obxectivo común.
Hai tres meses comunicáronlle que padecía unha grave enfermidade; esta noticia non a derrubou, loitou con toda a forza que lle restaba para vencer esa guerra. Foi gañando algunhas batallas e o inimigo semellaba que ía renderse en calquera momento, pero o que non sabiamos era que el, traidor, tiña gardadas as súas mellores armas para vencer nunha batalla final cruenta e inmisericorde. Si, estabamos ante unha guerra inxusta na que loitou sempre cun seu sorriso, polo que nunca ninguén poderá botarlle en cara que o resultado non se debese á loita continua e diaria que mantivo.
Fíxenlle unha promesa xusto no momento en que todo ía rematar, a de levar todos os valores e cualidades fantásticas que me ensinou como bandeira, e a de tentar ser tal e como a ela lle gustaría, converténdome nun home de principios, gozando da vida e axudando aos demais. Ser, en definitiva, unha boa persoa. Como ela o era.
ESA HEROÍNA É A MIÑA NAI !!!!!!!!


Laura Mariño:



HEROÍNAS

Heroínas foron as que perderon o home e os fillos maiores na guerra e seguiron mirando de fronte, criando os que quedaban, coidando dos vellos da casa, e parindo novos fillos daquel home e desoutro. Heroínas que foron fieis ao seu corazón e aos seus sentimentos, e por riba de todo defenderon as súas casas.
Miña avoa foi unha desas mozas que se criaron con traballo. O seu pai morreu na fronte e a súa nai casou con Don Severino, o sancristán da parroquia. Don Severino tiña dous fillos coma dous demos, mallaban en miña bisavoa coma nun fardo de herba. Miña avoa e os seus irmáns apañaban labazadas de don Severino, día si e día tamén. Pero a miña bisavoa non se dobrou, criou os fillos que tiña e pariu catro de Don Severino. Preñada de nove meses baixaba lavar ao río e pasáballe o ferro á roupa dos fillastros para que foran limpos á misa axudarlle a seu pai. Nunca se queixou de nada, porque daquela era das máis afortunadas, tiña comida que meterlle aos fillos na boca e un teito para gorecelos.
Unha noite de inverno topábase mal, e subiu para o cuarto; os fillos durmían, cando de súpeto oíu un peto na cociña seguido dunhas gargalladas. A miña bisavoa baixou as escaleiras con coidado, para que non a escoitaran, e veu encima da artesa a don Severino coa súa cuñada, Balbina. Ela era a máis cadela do lugar, e a miña bisavoa xa escoitara rumores pero non os quixera crer. Marchou para a cama, e ao día seguinte non dixo nada. Arranxou os rapaces e mandounos para a escola. Don Severino marchou co boi para a veiga e a  miña bisavoa, en canto quedou soa, marchou cara á igrexa falar con Don Ernesto. Non sabía onde se metía. Entrou na sancristía chea de nervios,  pedindo falar co señor cura. Quería que a confesara. Cando este chegou quedáronse a falar os dous sós. A miña bisavoa contoulle que quería confesar porque ía matar a alguén. O cura abrazouna moi sentido, e aproveitou para levantarlle a saia. Don Ernesto tamén tiña fillos. Ela escapou como puido e agochouse na casa, morta de noxo.
Esa noite cando estaban na cama sentiu gargalladas de novo. Balbina estaba outra vez na casa.
Si. A miña avoa e os seus irmáns criáronse na casa de Don Severino cos seus medio irmáns. A pesar das malleiras que lles daba, sempre trataron ao seu padrasto con respecto, coma se fose o seu pai. A miña bisavoa nunca lles contou nada aos fillos, conseguiu sacalos adiante e educalos para que sempre fosen obedientes e respectuosos cos demais. Xa moi vella, enferma de esclerose e cansa de vivir, relatoulle esta historia á miña avoa. Chorando sen parar, foille relatando todas estas vivencias para que soubera o difícil que fora criala a ela e aos seus irmáns.
Hai uns días, cando eu me queixaba dos traballos que a miña nai me mandaba, do complicada que é a vida e do que me espera no futuro, a miña avoa contoume o que tivera que sufrir a súa nai para que eu soubera que as mulleres que me precederon foron capaces de resistir e sobrevivir ao horror e saír fortalecidas como só unha muller é capaz. Mulleres capacez porque educáronse nunha sociedade patriarcal que as someteu.
A miña bisavoa foi a heroína que aturou as críticas dos veciños, que calou, coidou dos fillos e aturou as gargalladas de Balbina co seu home na cociña. Eran outros tempos, tempos nos que as mulleres non tiñan voz nin voto, nos que obedecían, e nos que os homes eran os que mandaban. Esas mulleres merecen a nosa admiración, porque viviron unha vida de sufrimento e gozaron o pouco que tiveron: uns gaiteiros na festa da parroquia, unhas risas no río ou uns contos á saída da misa.
Para que imos buscar heroínas fóra se as temos entre nós.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario