Os
antigos contan grandes historias sobre o pobo. Algunhas son sacadas
da súa propia imaxinación, pero as máis delas son feitas da
realidade. A historia máis coñecida é a do Neno da Lúa.
Contouma
a min o meu avó no seu momento. Temo que se perda xa que os anos dos
Antigos están a se esgotar e por iso a redacto, tal e coma meu avó
ma contou:
“Froito
do amor entre Eleanor e Cenis, veu á vida un fermoso neno. Un neno
coa pel branca, moi branca, case tanto como a neve, e con meixelas
vermellas, moi vermellas, case tanto como o sangue. De cabelo escuro,
como o da nai, e ollos claros, como os do pai. Ese neno levou o nome
de Marfil.
Quixo
a mala sorte que Eleanor morrese durante o parto e Cenis tivo que
coidar o meniño só. El contáballe historias sobre Eleanor.
Dicíalle a Marfil que a Lúa era en verdade o ollo da súa nai.
Cando estaba chea, súa nai estaba vixiándoo; cando estaba crecente
ou minguante, súa nai estaba rindo; e cando non había lúa, súa
nai durmía.
A
pesares de que nunca a coñecese, Marfil sentían un profundo agarimo
por ela. Algo que ninguén sabía explicar. O neno falaba coa lúa
pero ela nunca lle contestaba, só ría, vixiaba e durmía. Marfil
choraba. Pedíalle ao seu pai que fosen ver a Eleanor, pero este
dicíalle que nunca debía tentalo ou se non quedaría atrapado no
ceo. E Marfil choraba aínda máis.
Os
nenos da aldea ríanse del porque cría as historias de Cenis e
porque falaba coa lúa. Pero el non lles facía caso. Marfil recollía
flores vermellas para a súa lúa.
Un
día, o neno decidiu ir á casa da meiga Estrela e pediulle que
fixese algo por el. O que ela quixese. Estrela, sabedora da súa
situación, deulle catro sementes alongadas e esbrancuxadas. Díxolle
que as colocara no chan da súa casa, que durmira unha noite, e que
ao día seguinte ás catro da tarde, se sentase no sofá e se
agarrase ben. Tamén lle dixo que se acordase dela, pasase o que
pasase.
Marfil
así o fixo. Faltaban dous minutos para as catro cando sentou no
sofá, agarrándose e agardando. Dous minutos despois, a casa comezou
a tremer e a elevarse lentamente do chan. Ía gañando altura, pouco
a pouco, sen présa.
Todos
saíron ó camiño para velo, incluído Cenis, que fora á escola na
que daba clase. Os vellos sinalabas. Os nenos que antes se riran de
Marfil, berraban e corrían, xa que querían montar na casiña
voadora.
O
neno, no sofá, agardou e agardou, e ao final, a casa parou de se
elevar. Mirou pola ventá e veu que estaba na lúa. Saíu fora e
camiñou sobre ela, moito tempo, ata que cansou. Despois chorou de
alegría e todas as bágoas que lle caeron transformáronse en pingas
brillantes esparexidas por todo o universo. Marfil chamoulles
Estrelas.
Así
o neno viviu durante toda a eternidade feliz, xunto á súa nai.
Agora os dous falaban e o neno ría. O neno de pel branca como a lúa
e de meixelas vermellas como as flores. O neno de cabelo escuro, como
o da nai e ollos claros, como os do pai. O neno chamado Marfil.