martes, 4 de marzo de 2014

Microrrelatos

De Juan Ares Pérez:


''Memorias dun billete de 100''
Considérome moi valioso. Nos tempos que corren, conseguirme non é tarefa fácil. Estiven en mans de múltiples persoas con estilos de vida totalmente diferentes: millonarios avariciosos, ladróns de guante branco, camareiras de estrada, indixentes afortunados, secretarias de oficina... Moitas veces encontreime encerrado en lugares pechados e escuros, sen a máis mínima claridade, sen o máis mínimo raio de sol. Creo que a sociedade de hoxe en día está obsesionada con posuír máis coma min, non entendo que as súas vidas se baseen niso. Para intentar cambiar isto, e nun estado de absoluta frustración, collo un misto, préndoo e deixo que a súa pequena chama roce o meu corpo. Quéimome, desintégrome. Espero que este xesto faga pensar a xente e tomar conciencia de que eu non vallo a pena, que hai cousas moito máis importantes ca min. Ó final non son tan valioso como pensaba.


''Reflexos''
Eu e máis ti somos dúas almas xemelgas. Temos o mesmo modo de pensar, as mesmas ideas en mente, os mesmos gustos, as mesmas crenzas, o mesmo todo. E que ti, meu amor, es a persoa a quen sempre estiven buscando, a miña media laranxa. Quérote tanto... Aínda que, a dicir verdade, tanta mesmidade cansa. É máis, estou farto de falar sempre do mesmo, de facer sempre as mesmas cousas... Estaría ben ter menos cousas en común, para variar. Que aburrido se me fai o paso dos días contigo! Mira, síntoo moito, pero xa non quero seguir con isto. Adeus, reflexo, espero que encontres a alguén mellor.


"Paso a paso"
Era martes de inverno, frío e tedioso. Saín só polas rúas da cidade a contemplar a fermosa Lúa e despexar a miña mente. Estaba farto de pasarme o día na casa, tirado no sofá sen ter unha soa cousa que facer ou algún obxectivo que cumprir. Pasear axúdabame a olvidarme dos pensamentos que me facían a vida imposíbel cada día. De cativo paseino mal e iso trouxo como consecuencia pasalo mal agora. ''Sigue camiñando, vamos, non pares.'' -pensaba. Notei a presenza de alguén detrás miña. Vin unha sombra que se acercaba con paso lixeiro. Non me asustei, o que fixen foi darme a volta e esperar a que se acercara de todo a min. Cando puiden velo ben, quedei pasmado. Pois o que vin foi... Espertei ao día seguinte, que ledo me atopaba! Grazas por cambiar o meu modo de ver a vida, sombra da esperanza.