Dous saltóns
Unha
vez dous saltóns pelexaron. Un cría que era o mellor e que saltaba moito máis
alto, o outro dicíalle que non, que el era moito mellor porque saltaba máis
lonxe. Nisto que mediante a discusión, cansados un do outro, un dixo:
“Comprobémolo agora mesmiño e acabouse” Así que alá foron. Chegaron ao prado
máis grande, longo e coas mellores herbas que había na comarca e decidiron que
aquel era o lugar ideal. O primeiro deu un chimpo tan grande que chegou ata a
outra esquina do prado, pero como as herbas estaban tan grandes e o prado era
tan longo o outro daba chimpos e máis chimpos, mais non conseguía ver o
compañeiro. Os dous berraban todo o que podían, pero non se podían oír porque
estaban moi lonxe. Aburridos de discutir por algo que non lles pagaba a pena
acordaron volver ao lugar de inicio para facer as paces. Cando xa estaban un a
carón do outro decididos a facelas paces, déronse conta de que un era amarelo e
outro verde, e de novo volveron discutir dicíndolle un ao outro que era o
mellor. Así pasaron toda a tarde, pero ao final do día xa estaban cansados de
discutir por parvadas, entón entenderon que a súa amizade era moito máis forte
que as súas diferenzas e dende aquel momento souberon que os dous eran os
mellores, cada un na súa cousa
O cocho maldito
Os veciños da
vila acordaron todos ordenar as súas adegas e sacar as cousas que xa non valían
para nada á rúa principal, aquilo era unha desfeita: colchóns, ferros oxidados,
televisores antigos, tubos, táboas que xa non había por onde coller... en fin,
unha catástrofe. Logo de moito ollar para elas empezaron a enredar coas cousas
e sen case darse conta comezaron a amontoalas dunha forma moi ordenada e curiosa.
Entre todos quedaran cos cacharros vellos formando un gran cocho. Cando se
deron conta botáronse todos a rir. Viron que na punta do fociño tiña un
letreiro ben grande que poñía “Benvido Manolito”, de novo comezaron todos a rir
e alguén berrou: “Será o cocho Manolito!”. Aos veciños gustoulle a idea e como
xa estaba na rúa principal pareceulles ben que quedase alí e dende aquel día
fose o símbolo da vila. A partir de entón, por esa data todos os anos se
celebra unha festa na que o que se fai é gozar de todos os diversos manxares do
porco, os máis vellos contan a historia de como se construíu o cocho Manolito e
logo móntase unha gran troula arredor súa.
Raro individuo de cidade
Aquel bichiño tan
pequeno era moi peculiar. Tiña unhas orellas longas, longas e con elas podía
oír todo o que se dicía naquela cidade; tiña unhas patas pequeniñas, pequeniñas
e andaba veloz coma un raio, un pouco aquí e ao segundo acolá; tiña un gran
bigote, moi espeso; tiña uns ollos grandes coma pratos, un azul e o outro
vermello, tiña tamén unha barriga enorme e redonda coma un queixo, nela
cabíalle todo o que atopaba por diante, mais tíñache unha boca ben pequeniña.
Este bichiño tiña algo especial, pero ninguén conseguía saber o que era, os
cidadáns víano e todos quedaban abraiados. O bichiño, canso de escoitar tantas
voces na súa cabeza que o tiñan tolo, canso de andar de aquí para alá sen poder
parar a contemplar nin a paisaxe que o rodeaba, canso de que todo o mundo o
mirase con esa cara de abraio, colleu a súa maleta e marchou en busca dun lugar
tranquilo no que poder estar acougado e relaxado, soamente escoitando o son da
natureza, sen que ninguén o mirase, sen ter présa porque non tiña ningún lugar
ao que chegar a tempo. Dende ese día todos os cidadáns sentían que na cidade
faltaba algo, pero non caian na certeza de que aquel bichiño marchara para
sempre a un lugar tranquilo. Aquel tal bichiño resultou ser un bichiño moi
especial, un gran bicho máxico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario