sábado, 30 de maio de 2015

A poesía de Mariña (II)

Mariña segue a escribir, por suposto, e envíame un novo poema:



FIGURAS DESFIGURADAS

Somos as veas azuis, nunca nos detemos 
Non me comprendas, só atende:

A estraña sensación de escoitar
abellas zumbando
notar no oído
o metal derretido
o chumbo do aire que afoga aos paxaros
a luz do éter
por riba de todos nós 
Anxo da morte
non terei a sorte
de escoitar o piano
por última vez?
Ese valse do todo e da nada
esa nada en todo eu
Doen as palabras que non saen
as que se atascan 
as que te levan por malos sendeiros
Doe a luz
cando tiveches os ollos pechados
tanto tempo
As mans á cabeza
A boca aberta
A mente pechada 
que pouco fai falta
para que se manifesten os sentidos
escandalizados
Dime musa, de lingua de prata
cantas cabezas crebaches xa
na busca e na teima 
de sopros de inspiración?
Cada polgada de vida
cando deixa de ser tal
merece un digno pranto
un enterro formal con plañideiras
a herba seca,a carne putrefacta
o vendaval que cesou,o cristal roto
e o corazón que se corrompeu.
Cada estímulo,cada sensación 
natureza voraz,vivindo sen rumbo
deixa que os instintos intuitivos
sigan o seu curso
e nos gobernen a todos
Reflexiona se podes comprar 
a conciencia tranquila
o calor de ti mesmo
a paixón por existir
A cantas pulsacións por minuto se paga iso?

Ningún comentario:

Publicar un comentario