martes, 21 de abril de 2015

Obradoiro de excelencia con Antía Otero

Hoxe tivemos o noso obradoiro de excelencia con Antía Otero, que nos falou de poesía, das palabras importantes, das ideas, do cerne da poesía.



Comezou Antía Otero amosando e analizando esta Antoloxía   SE NON QUERES SENTIR, NON LEAS POESÍA:


RONSELTZ . Colectivo poético.
( Unicornio de cenorias que calbalgas os sábados)    :

O poema é unha pedrada na cabeza.                                        
Por iso lles recomendamos aos leitores
que usen casco.


CELSO EMILIO FERREIRO
( Ceminterio Privado )

O lóxico

Unha de dúas:
se é certo
que cada minuto
morren de fame
cen persoas no mundo,
entón é falso
aquelo de quen en todas partes
se cocen fabas.


MARÍA DO CEBREIRO

A espiral do silencio

Así tamén nós, que non vemos o mar,
mátanos co seu látigo.

Soubemos del ben tarde,
e por erro chamámoslle infinito.
Amamos a súa cor,
que non se lle dá ós ollos,
e en todo fomos crueis.
Porque o mar era un cerco, e puña límites,
daba saltos mortais,
estendía as súas redes no máis fondo
ata desembocar nas nosas rúas.

Os do interior choramos con esta auga
que pedimos prestada.
Pero choramos negro, coma todos.

Soño cunha cidade na que os pasos
axuden a caber, a sermos máis.
Alí onde a chuvia prende
nos dedos de quen berra, ou de quen asubía.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2002


DANIEL SALGADO (Sucede)

Fire a coitelada
de non dar comprendido
nada,

o xornal.


XOHANA TORRES ( Tempo de ría )


PENÉLOPE

Declara o Oráculo:

"Que a banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.

Que ramas de loureiro erguen rapazas.
Que cor malva se decide o acio.

Que amaine o vento, beberás o viño.

Que sereas sen voz a vela embaten.
Que un sumario de xerfa polos cons.


Así falou Penélope:

Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?

EU TAMEN NAVEGAR"



MARTA DACOSTA ( As amantes de Hamlet )

Prefiro ser a filla do pirata
a nena imposíbel que non peitea os cabelos,
a mesma que salta e corre
ou vence ao exército.
A que rexeita belezas improbábeis
e se rende ante a liberdade
para botarse a voar,
sen lastre, sen présa, sen bagaxe.
A que esculca nos ollos dos que pasan
e descobre almas e covas
pozos e estrelas
con que facerse ao mar.


CARLOS NEGRO ( Penúltimas Tendencias )

Declaración de independencia

Nin con toda a maxia de Harry Potter
nin con todo o encanto de Justin Bieber,
conseguirás que lle siga outra vez o xogo
a un pibe que só bota cuspe pola boca.
Porque xa non creo nas reverencias
dos príncipes que non lavan a lingua.
Pórque só confío nos labios dos cegos,
nas palabras que non mancan por dentro.


E logo, escribimos.
A partir de "Firen as coiteladas" dicimos que cousas nos firen (maltrato ás mulleres, maltrato aos animais, violencia na infancia, acoso, superficialidade, mentira, desprezo, desigualdade, enfermidades que non teñen cura...); logo, cada alumno/a elixía un tema; despois un substantivo que teña que ver co tema elixido: a primeira palabra que nos veña á cabez non nos vale. Logo un substantivo que non teña nada que ver co tema. E por último tres adxectivos que inspiren estas palabras pero non sexan descritivos. Posteriormente, dous verbos.
Logo, a escribir, utilizando estas palabras e ademais "Firen as coiteladas do misterio".


Zaira Míguez :
 (A falidade: mentira -colorida, pintada ;  carraxe -floreada ;  gozo -negro . Rir, enfadar)
A falsidade
A súa mentira pintada
que en ocasións me fai rir.
O seu gozo negro
co que firen as coiteladas do misterio,
brotando así o meu enfado
en forma de carraxe floreada.


Lucía Novoa Froiz
(Superficialidade: hipocrisía -amistosa ; rexeitamento -esvaradío; dozura . Liberar, enganar)
A súa dozura, a debilidade
fixeron que a hipocrisía enganara
a falsa amizade.
Firen as coiteladas do misterio
o rexeitamento asústabaa
aqueles sentimentos escuros, liberábanse esvaradizos.


Lucía Lalín Pérez:
(Maltrato aos animais: sufrimento -intelixente; egoísmo -apresurado ; diversión -calmado . Lograr, mentir)
Fírenme as coiteladas do misterio
Os raios do sol fíltranse por min.
Non mingo, o sufrimento é intelixente.
Non logro devolverlle a súa calmada diversión.
O meu egoísmo apresurado obrigoume.
No fondo, penso que el o sabe
aínda que non tan ben coma min. 


Alba Roqueiro:
(Falsidade: Traición -amarga ;  engano -compasivo ; cordialidade -suprema . Perderse, descoidarse)
Fírenme as coiteladas do misterio
Unha cordialidade suprema axiña
fixo que me perdese no engano
na amarga traizón.
Perdinme nun engano aparentemente compasivo.


Jesús Calviño:
(Desprezo: minusvaloración -multicolor ; homofobia -policausada ; simpatía -descoñecida . Ler, violentar)
Firen as coiteladas do misterio
da descoñecida simpatía.
Ler a policausada homofobia
é a mala vida.
Minusvalorización multicolor, desaparece xa,
deste pobre corazón,
que amargas polo desprezo,
por ser diferente.


Ana Santalla:
(Maltrato aos animais: agresión -inesperada ; logro -indiscutible ; abandono -satisfactorio . Interpretar, tremer)
Segue a vida.
Agresións inesperadas
 noutro lugar.
Logros indiscutibles.
Como non,
interpretar sen pensar
Tremor con frío
seguen a ferir as coiteladas 
de misterio

 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario