venres, 22 de novembro de 2013

Dillo a quen maltrata

Todos os anos participamos no Concurso de Cartas do Concello de Lalín "Dillo a quen maltrata". O meu alumno de 1º de Bacharelato Isidro Gil Pallares quedou finalista con esta carta ben orixinal:

Para o ratiño Pérez:
Ola, escríboche porque desta vez non quero as moediñas ou o agasallo de sempre. Desta vez quero que papá volva á casa, xa que non sei por que marchou. A ver, mellor cóntoche a historia enteira:
Eran  contra as nove da noite, eu estaba moi canso e papá non acababa de chegar do traballo. Polo tanto mamá ao ver como a cada pouco se me pechaban os ollos, levoume para a cama, deume  un biquiño de boas noites e arroupoume con moito agarimo para que estivese quentiño.
Pouco despois, uns gritos espertáronme. Acendín a luz do cuarto, puxen as zapatillas e fun para o comedor, a ver que pasaba. Chegara papá, pero espera, que lle acontecía? Estaba como coa cara vermella e non se mantiña de pé ben; e mamá? Por que estaba no chan chorando? Tiña o brazo cheo de mancaduras. Con que se fixera dano?
Púxenme a gritar: -Papá, mamá. Que sucedeu? Que sucedeu?
Ningún me respondeu. Papá reaccionou dispoñéndose a marchar, pero con moi mala sorte tropezou cunha cadeira, que me bateu a min na boca e me fixo caer este dente.
Déixocho, pero a cambio ten que volver papá, non sei onde vai, estou preocupado. Mamá dime que foi de viaxe de empresa, pero a min estráñame, aquilo non fora unha despedida normal, como as das outras viaxes.
P.D.: Non te esquezas de curarlle o brazo a mamá tamén, por favor, que o ten moi mancado.

De Lucas Canda Xil


Ningún comentario:

Publicar un comentario