venres, 2 de novembro de 2012

Sobre a Violencia contra a muller (II)

Paula Gamallo, de 1º de Bacharelato, ofrécenos a seguinte reflexión:



Ao dar a iniciativa de realizar un texto sobre a violencia de xénero, pasáronseme pola cabeza unha chea de maneiras, de dar comezo.
Quizais, a mellor forma fose posicionándome na pel dalgunha das vítimas que sofre a miúdo; das que, a maioría delas, non son capaces de seguiren vivas. Podería escoller entre millóns de casos e con diversidade de elección: mulleres torturadas, mutiladas, menosprezadas, violadas, apedreadas,  infravaloradas, castigadas, forzadas, humilladas...
Tamén podería optar por posicionarme na pel dos nenos e nenas que sofren asemade estas consecuencias habitualmente, millóns deles.
Outra maneira, sería aportando cifras numéricas e, a súa vez, impactantes. En España, a media de mulleres asasinadas é de 81 por  ano, chegádonse a alcanzar incluso 90 vítimas.
Ocorréseme tamén nomear as leis, que protexen ás vítimas da violencia, como son o artigo 153, 620 e outros que seguen cambiando a medida que avanza a sociedade.
Chegados a este punto, doume conta de que todo isto do que levo falado é un grave problema do que, todos, dunha maneira ou de outra, estamos informados. Sexa na prensa, radio... Todos escoitamos os datos, coñecémolos, sabemos que existen leis que nos protexen, ou iso din... Pero sabemos realmente cal é o problema e onde radica? Creo que non, pois do contrario isto xa tería unha solución fundada e establecida.
Violencia de xénero, de verdade podemos chamarlle dese xeito? Ao longo da miña vida tiven a sorte de participar en varias charlas acerca deste tema, nas que pretendían concienciarnos da seriedade do asunto. Despois de matinar e ordenar as miñas ideas, a conclusión que saquei en numerosas ocasións foi a seguinte: violencia doméstica, violencia intrafamiliar, violencia de xénero, violencia contra as mulleres, violencia familiar, violencia de parella, discriminación por razóns de sexo; moitos termos cun campo semántico semellante, non si? Para min, a palabra clave que engloba os termos citados anteriormente é o machismo e como causa disto, a violencia machista, que é a nai das anteriores.
Se nos paramos a pensar, é o machismo o que deu lugar a estes grandes problemas, aos que se está enfrontando a sociedade.
Ata onde se estende este problema? De onde provén? Aí é onde se atopa todo o negror do asunto. Desgraciadamente, convivimos no machismo, nacemos con el, sometidos a el.
Dende moi pequen@s a educación que recibimos é, polo xeral, a inadecuada.
Incluso nos xoguetes, o machismo está presente dunha forma desmesurada. Á rapaza atribúenselle abxectos relacionados co fogar; mentres que ó rapaz optamos por mercarlle camións, construcións... obxectos que conlevan ao traballo fóra da casa e a gran escala. Mesmo nos contos de Disney, nas películas para adolescentes, nas series ou programas de televisión, por non falar da publicidade... en todos estes medios atopamos claro indicios de machismo.
É algo novo? De hai só uns anos? Non, o machismo leva connosco dende principios dos tempos. Porque ao longo da nosa historia foron coñecidos multitude de científicos, matemáticos, filósofos, inventores... onde se atopaban as mulleres naquel momento? Porque, a pesar de seren homes quen ocupa os altos cargos na actualidade son maioría, as mulleres que ocupan prazas en universidades, bacharelato, academias... Como é que os datos non concordan?
Despois de ter claro o noso problema hai que procurar dar pé a solucións. Trátase de algo fácil? Evidentemente, non.
Hai algo no que quero ser taxante. Non se pode non ser machista nin feminista a un tempo.
O feminismo -non pode haber mente que critique este movemento-  é un movemento que, para aqueles que non o saiban, promove única e exclusivamente, a igualdade. Ao contrario que o machismo, que intenta promover  a supremacía do xénero masculino sobre o feminino. Este movemento, tanto político, como cultural, como social, é algo moi serio, valente e rigoroso no que todos e todas deberiamos participar e que xa non debería ser necesario na sociedade senón lóxico.
É o xénero o produtor da violencia. As normas de masculinidade e feminidade, tal e como as coñecemos, producen violencia. Unha violencia que unicamente poderá ser erradicada no día en que estas dúas categorías tan diferenciadas nestes momentos, home- muller, se distribúan unicamente non en iguais, senón no mesmo: PERSOAS.

Ningún comentario:

Publicar un comentario