luns, 5 de novembro de 2012

Revisitar os clásicos (IV)

Francisco Miguel Casas Picos considera que o malo non é o lobo:

Eu, o malo?



Hai uns aniños, nun día de verán de calor abafante, estaba eu famento deitado nas entrañas do bosque .Nun desesperado acto por comer e acadar a miña supervivencia, dunha forma sixilosa e silandeira dirixinme a unha rapariga moi fermosa vestida de vermello. Esta levaba unha cestiña na man esquerda, e eu pregunteille a onde ía. Non sei moi ben por que, a neniña asustouse  e fuxiu. A min chegoume un cheirume desa cesta, cheiraba ben, a torta  de maza. Despois, perseguina polo medio do bosque e cando por fin a alcancei de novo, díxome que a torta era para a súa avoa que non se atopaba ben. Entón eu deixeille un pouco de espazo pero seguina observando de lonxe. Cando vin que chegaba á casa da avoa e esta lle abría a porta e non a recibía con especial agarimo, decateime grazas ao meu instinto de depredador feroz de que algo non ía ben, entón decidín seguir asexando, para iso busquei unha forma de entrar na casa. Divisei unha ventá entreaberta no primeiro piso, subín ao tellado do forno e observei uns malos tratos por parte da avoa, nese momento irrompín na casa e salvei a rapariga.
Instantaneamente,  a malvada avoa deulle a orde de arremeter contra  min a un par de cazadores que pasaban por alí. Marchei co cu quente pero sentíndome un heroe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario